viernes, 5 de agosto de 2022

Paixón

 Cristina Pato

Esteban Batallán

Durante uns anos, na organización Silkroad, organizabamos un curso de verán en colaboración coa Escola de Educación da Universidade de Harvard que se chamaba The Arts and Passion-driven Learning, algo así coma As artes e a aprendizaxe impulsada a través da paixón. Un curso no que explorabamos o rol da paixón na educación e a súa relación coas artes. 

 Esta semana, traballando en Chicago, atopeime cun músico que realmente representa esa idea. Un músico galego que fixo historia gañando a praza de trompeta principal na prestixiosa Chicago Symphony. Unha persoa que atopou a súa paixón e, a través dela, conseguiu chegar onde soñaba: Esteban Batallán.

A súa historia emocionoume profundamente. Nacido en Barro (Pontevedra) no 1983. A súa viaxe musical comeza co seu pai e cunha visita a unha tenda de instrumentos na que lle suxiren que colla a trompeta. Continúa en Pontevedra e Vigo, co mestre Javier Viceiro Filgueira. Pero aos dezaseis anos, tocando coa Joven Orquesta Nacional de España, descobre a música de Mahler e de casualidade merca unha gravación da devandita orquestra, e como cita na súa páxina web, ao escoitala soubo «que quería tocar así». 

Escoitalo falar en Chicago, contándonos ese camiño vital, cos seus altos e baixos, fai que unha imaxine o paralelismo cos rapaces que soñan con xogar no Barça, ou con ser Serena Williams. Batallán soñaba con ser o trompetista Adolph Herseth e «xogar» na Chicago Symphony, e a paixón que o levou ao seu posto actual é tan contaxiosa que, ao charlar un pouco con el, unha sinte esa fermosa enerxía que emanan aqueles que conseguen facer da súa paixón a súa vida... E que bonito é escoitalos, e sentir que, ás veces, se queres, podes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario